En aplicación da Lei de Transparencia e Bo Goberno, a Xunta de Galiza ven de crear na súa web o Portal da transparencia e goberno aberto. Nun tema tan importante como é a transparencia no sector público, o rigor e a seriedade no tratamento dos datos resulta fundamental. No camiño de acadar a máxima transparencia o que non cabe é a manipulación e a información sesgada no tratamento dos datos.
Neste senso, no apartado Actividade Sindical do citado portal, a información facilitada referente aos costes económicos que, segundo a administración, orixinan os liberados e liberadas sindicais é un burdo exemplo de manipulación malintencionada dos datos. Estase a transmitir unha idea errónea de que a actividade sindical supón un coste extra para a administración, cando é algo rotundamente falso.
Na administración galega ningún delegado/a sindical cobra por exercer funcións sindicais. O salario que percibe cada un deles/as é o salario que lles corresponde polo seu traballo como empregados públicos. Nin máis nin menos. Non existe incremento de gasto ningún. En aras dunha transparencia real e efectiva, a administración galega ten a obriga legal de dar unha información clara, concisa e real.